4/3/08

DÍA DA MULLER TRABALLADORA, ZAS 2008

O concello de Zas convoca o primeiro concurso de relatos en conmemoración do día da muller traballadora. Poderán participar os alumnos e alumnas de ESO e Bacharelato dos Centros Educativos do concello.

Os relatos, de carácter individual, estarán escritos en lingua galega cunha extensión máxima de dous folios e o seu contido versará sobre a muller e o traballo no ámbito público e privado.

O prazo de pesentación remata o 10 de marzo e haberá tres premios por un importe total de 220 euros, canxeables por material escolar.


Para máis información sobre o Concello de Zas, pulsa aquí.



5/2/08

A BOLSA VIAXEIRA SIGUE O SEU CAMIÑO

Esta bolsa viaxeira que trata de dar a coñecer aos alumnos e alumnas do 1º ciclo de primaria os libros de consulta e información que hai na biblioteca, axeitados para o seu nivel, sigue a súa viaxe polas aulas de 2º.
Na clase de 1º fixeron as seguintes anotacións na libreta-diario que se inclúe nesta bolsa.

30/1/08

DIA INTERNACIONAL DA PAZ 2008


Existe, por desgraza, unha ampla mostra de conflitos armados onde constatar os diferentes graos de sufrimento e degradación do ser humano que toda guerra implica. Algúns, aparentemente esquecidos, deixaron, non obstante, feridas mal cicatrizadas e dispostas a reabrirse en calquera momento.Outros, case descoñecidos no imperdoablemente descoñecido continente africano, están xa perdidos sen remedio sexa cal sexa o resultado final da contenda.Tamén os hai cotiáns, perniciosos, que abandonan os primeiros titulares pero deixan rastros atrofiados, convertidos en xordas ladaíñas onde a traxedia individual de cada morte se dilúe en cifras carentes de sentido.
Sendo conscientes desta situación, no Día Internacional da Paz, eliximos a guerra de Iraq como símbolo do engano, a barbarie e a loucura que toda guerra implica.
Neste documento utilizamos unha breve selección de textos de poetas árabes representativos da desolación dun pobo ante a traxedia colectiva que asola moitos dos seus países. Tamén incluímos algunhas citas contra a guerra de varios pensadores e escritores da nosa cultura occidental..


Oiamos as súas voces porque temos o convencemento de que só escoitando persoas sosegadas e respectuosas de calquera cultura os seres humanos teremos unha mínima posibilidade de futuro. Este é o espírito que alenta o presente documento que forma parte da iniciativa colectiva das Bibliotecas Escolares Galegas non Día Internacional da Paz, por un mundo mellor e máis xusto.

Os materiais gráficos deste documento proceden das seguintes fontes
Iraq War Paintings Gerard Laing
Carteles contra una guerra – Signos por la paz (James Mann, Ed. Gustavo Gili)
Lions Clubs International Peace Poster Contest



Chegamos ao momento en que evocamos a paz como unha lembranza.

Impresionad@s polos horrores das guerras, pola manipulación da realidade que teñen feito os grandes e pequenos poderes para xustificala e pola destrución da memoria dos pobos, os ensinantes, os bibliotecarios, debemos seguir buscando co noso traballo o fortalecemento da paz e a verdade. A verdade porque somos os administradores dos materiais que conteñen todas as verdades, porque dunha información completa xorde a verdade. A paz porque o entendemento entre as persoas é a base do noso traballo; tratamos que comprendades, coñezades e aceptedes o que din outros, tentando abrir mentalidades, facilitando o acceso ás ideas expresadas ao longo dos séculos: todo o contrario do que conseguen as guerras. Por iso, colocamos a tarefa de nos opoñer a elas como o primeira e máis importante do noso labor cotián.
Un bo xeito de ir contra a guerra é divulgar a obra dos poetas que con palabras emocionantes, moito máis impactantes que as balas, fixéronlles fronte. As persoas somos unha mestura de razón e sentimento: nas grandes cuestións necesitamos alimentar o corazón tanto como a cabeza, e os poetas saben alimentar o corazón:




Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares en prol da PAZ

29/1/08

PAZ, PAU, PAIX, MIR, PEACE, BAKE, SHANTI, FREDE, NEEDED... (VII)

Mañá é o Día da Paz. Desde hai días as bibliotecas escolares galegas colaboramos pola primacía desta, tentamos lembrar á sociedade que é a palabra a que debe vencer sobre as armas, esas palabras que voan nos libros, nos poemas, que se transmiten polo diálogo e non polas armas. Cremos que é o Amor quen debe vencer ao egoísmo, a non-violencia debe vencer á violencia e a PAZ á guerra.




Sétimo traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da PAZ

28/1/08

POLA PAZ (VI)

Falamos de guerras, falamos de paz. Falamos dos nosos desexos dun mundo mellor. Fermoso sería que as armas fosen xoguetes que nunca servisen para matar. Conseguilo é o noso obxectivo.

Empeñados como estamos, proclamamos cada día

NON ÁS GUERRAS

Sexto traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da PAZ

27/1/08

POLA PAZ (V)

A violencia nas súas diferentes formas, como manifestación do despropósito, é un dos aspectos máis notables na obra de Goya. Foron precisamente os sucesos acontecidos durante a Guerra de Independencia (1808-1814) os que deron lugar a que Goya efectuase unha reflexión enormemente crítica e innovadora sobre a guerra, sobre as súas causas, brutais manifestacións e consecuencias.

(...) Francisco de Goya, escéptico ante as xustificacións da guerra, lonxe de apoiar coa súa obra os postulados ideolóxicos dalgún dos bandos contendentes, mostra o rostro máis escuro e abxecto da guerra, o dos mortos e os seus asasinos, o dos indefensos e os seus prepotentes violadores, o dos que padecen e os dos que gozan co padecemento alleo.

(...) A sensibilidade de Goya ante estes acontecementos produciu non só a súa mellor serie de estampas, senón un monumental berro contra a violencia nas súas diferentes formas, que non recoñece xustificación ningunha, e que grazas ao maxistral do seu tratamento técnico, formal e conceptual permite ao espectador comtemplar imaxes inherentes a toda guerra.

(...) As obras de Goya de contido bélico non mostran aos heroes militares ou populares que loitaron contra os franceses, de todos coñecidos grazas ás publicacións e ás galerías de retratos gravados amplamente difundidos na España do seu tempo. Nin tan sequera preséntannos feitos concretos acaecidos en lugares determinados. Pola contra Goya móstranos, partindo de acontecementos reais, a esencia dos mesmos, a representación universal do heroísmo, a brutalidade, a fame, a deseperación, a destrución, pero sobre todo a morte. E todo iso protagonizado polo pobo anónimo, verdadeira vítima da guerra.

José Manuel Mantilla. El libro de Los Desastres de la Guerra. Francisco de Goya. Madrid, 2007, Arlanza Ediciones.




Nota: Os títulos dos gravados reproducen a ortografia orixinal de Goya
Quinto traballo colaborativo dos
Blogues das Bibliotecas Escolares en prol da PAZ

26/1/08

POLA PAZ (IV)

Violencia é que ainda no século XXI, os dereitos das nenas e nenos de todo o mundo seguen sen respectarse.

Pois ben, queremos achegarvos un poema de Xosé María Álvarez Blázquez, escritor que vai ser homenaxeado no Dia das Letras Galegas deste ano e que pouco a pouco iremos coñecendo ao longo do curso.

Fálanos duns nenos que teñen que vivir na rúa, da esmola da xente, e como ata a algunha xente lle chega a parecer normal esta situación tan inxusta.

Non é certo que os nenos teñan fame
Non pode ser.
Ben o sabedes todos
os que andades no mundo atafegados
á percura do pan dos vosos fillos.
Ises outros que vedes pola rúa
pedindo esmola,
non teñen fame, non, porque daquela
vos teríades morto de vergonza.
E ben vos vexo andar nos vosos
coches ou nos tranvías, a berrar de cousas
estranas: -¡viva, beba, baba, buba¡-
sen reparar naquil esfarrapado
que coa moura mauciña está petando
na porta de ferro.
Por iso penso que non é verdade
o que algún caviloso di dos nenos
que andan así petando pola vida.
-¡Non, home, non!- lle dixen a un
de aqueles
-A xente pasa leda......¡Fora boa
que andivesen a rirse dos seus crimes!.

Xosé María Álvarez Blázquez
(Tui 1915-1985)

Cuarto traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares en prol da PAZ