Os Dereitos Humanos
Cando falamos da palabra “dereito” facemos fincapé nun poder ou facultade de actuar, un permiso para obrar nun determinado sentido ou para esixir unha conducta doutro suxeito. E son chamados “humanos” porque son do home, de cada un de nós. O home é o destinatario destes dereitos. E así, reclaman recoñecemento, respecto e promoción por parte de tod@s e especialmente da autoridade. Por iso, estes dereitos son inherentes e inalienables. Os dereitos humanos son universais porque pertencen a todos os homes, a todos por igual, en todo tempo e lugar; atópanse de xeito innato ligados á natureza do home. Deben ser o piar das comunidades.
Porén, non son realmente respectados, existindo toda clase de violacións: privacións das liberdades fundamentais, torturas, imposibilidade de acceso aos servizos de saúde e auga potábel, uso de minas antipersoais, discriminación e actos terroristas que xeran catástrofes, xenocidio, nenos soldado, etc.
Ás veces, esquecémonos do realmente importante, ocupados como estamos no noso devir cotián. Son as cousas e as persoas cercanas as que realmente nos importan, as que nos fan sufrir ou aledarnos. Pero tamén sabemos que o noso oficio, o noso traballo, a nosa dedicación primeira e fundamental é formar a unha serie de persoas-proxecto, o cerne do futuro, as xeracións que poderán facer do mundo do mañá un universo máis xusto no que habitar. Somos educadores, e como tales, priorizamos tarefas como a que agora nos une. Debemos procurar que o noso alumnado reteña na súa retina e na súa memoria que días como o 25 de novembro, o 30 de xaneiro, o 8 de marzo… días coma o de hoxe existen porque hai persoas que sofren unha penuria diaria que contravén o espírito do ser humano que deberiamos abandeirar. É o noso labor tentar que eses sufrimentos non existan, que deixen de existiren eses días porque a sociedade do futuro, esa na que tanto temos nós que dicir –non o esquezamos, co noso propio exemplo- non as procura, non as necesita.
Por esta razón, aquí estamos, de novo, unidos por unha nova causa común, o Día dos Dereitos Humanos, denunciando a súa violación. Vímolo facendo dende hai tres días. Resulta, sen lugar a dúbidas, moi clarificador, que os nosos blogues estean unidos desde esas datas. Emotivo. Significativo. É o noso desexo seguir a loitar unidos. E conseguirémolo.
CARTEIS CONTRA AS VIOLACIÓNS DOS DDHH
Dignidade e Xustiza para todos nós!!
Pica na cita e verás unha presentación feita con debuxos realizados polo alumnado de Infantil e Primaria
"Os Dereitos Humanos son os nosos dereitos. Tomémolos, defendámolos, promovámolos, esntendámolos e insistamos neles. Nutrámolos e enriquezámolos...Son o mellor de nós. Deámoslles vida" (Kofi Annan)







