10/3/08

LIBROS MATEMÁTICOS

O departamento de Matemáticas vén de realizar unha presentación dos libros que inclúen na súa lista de lecturas obrigatorias ou recomendadas e que podedes atopar xa na Leoteca.
Na páxina do colexio, na sección correspondente a esta área podedes ver as fichas de actividades
elaboradas para cada un destes libros.



¡A LER COAS MATEMÁTICAS!


8/3/08

8 de Marzo- DÍA DA MULLER TRABALLADORA

¿Ata cando?

Balbina vive nunha aldea pequena moi perto de Compostela. Érguese moi cedo. Mentres Manuel e o neno durmen, ela alista os animais, prepara a pota da comida que deixará cocendo toda a mañá co lume baixiño e fai o almorzo.

Levanta ó neno e prepárao para ir á escola.

Érguese Manuel, almorza e prepara o tractor para marchar.

Botan a mañá traballando nas leiras.

Ó mediodía volven á casa. Balbina pon a comida na mesa e comen. Despois de comer, o neno marcha para a escola, Manuel vai botar unha siesta e Balbina, despois de recoller a cociña vai ó río: lava, pon a roupa ó clareo se non chove… Cando volve á casa Manuel xa se ergueu, prepáranse e van traballar a outras leiras.

Volven coa tardiña. O neno xa chegou e está xogando. Manuel aséase e vai á lareira de Alfredo, o veciño, a saber das novidades.

Balbina muxe as vacas e acomoda os outros animais. Fai de cear mentres axuda a José Manuel cos deberes. Cean todos xuntos. O neno déitase. Manuel pónse a ver a televisión e Balbina tamén, mentres repasa unhas pezas de roupa que recolleu hoxe do tendal.

Esta historia é real e tódolos personaxes tamén.

Para Balbina, e para tódalas balbinas que , mentres facían todo esto non podían abrir unha conta no banco sen o permiso do marido, nin quitar o pasaporte…. A tódalas mulleres que non pudieron votar a Constitución española porque non tiñan vinteún anos e viron como os seus compañeiros de dazaoito sí o facían.

¿por canto tempo, aínda balbinas?

A Muller Galega do Século XXI
(Clica na imaxe para ver o álbum)
A Muller Galega de principios do Século XX


Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da Igualdade.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.

7/3/08

IMOS CONTAR MENTIRAS

Imos contar mentiras...

Ou non.

Soñamos con que algún día nada disto sexa unha triste realidade. Con que homes e mulleres sexan exactamente iguais e gocen exactamente dos mesmos dereitos. Con que non haxa nin unha soa muller que sexa violada polo simple feito de selo. Con que non existan os burkas, nin os medos. Con que o traballo doméstico sexa realizado por dúas persoas e non por unha. Con que os salarios sexan exactamente os mesmos. Con que as oportunidades sexan as mesmas. Con que non haxa unha soa muller que teña medo a ser nai por non quedar sen traballo. Con que non existan diferenzas.

Cando teñamos unha sociedade, un planeta inequívocamente solidario, no futuro pensarán que nada disto é real.

Home e muller, ombreiro con ombreiro, sorriso con sorriso, loitando porque a atmósfera sexa máis respirábel.

Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da Igualdade.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.

Textos e debuxos do 1º vídeo

6/3/08

MULLERES E ARTE


“A historia da arte
nega ás mulleres e afirma á muller”
Marián L.F.Cao (Profesora da Universidade Complutense de Madrid)

Ata hai ben pouco as mulleres concretas e individuais cos seus desexos e preocupacións non aparecían nas plasmacións artísticas porque tiñan moi restrinxido o acceso como productoras de arte e non dominaban o ámbito que a sociedade patriarcal define e valida como arte verdadeira. Deste modo, as mulleres foron rexeitadas como creadoras e por tanto, a súa visión do mundo e de si mesmas case nunca foi exposta aos demais. As poucas mulleres que malia as enormes trabas acadaron importantes logros foron, en xeral, ignoradas pola Historia do Arte. Por outra banda, a arte e, na actualidade, tamén a publicidade, constrúen unha muller inventada e pouco cambiante. Prescíndese, en xeral, das mulleres de carne e oso xerando unha construcción universal que contenta as fantasías e os desexos que os homes desenvolven nunha sociedade onde a eles tamén se lles impoñen uns determinados valores tipificados como masculinos e bos. Certamente unha análise seria amosará outras produccións artísticas que non encaixarán neste esquema tan simplista. Porén, é innegable que non facer unha reflexión desde unha perspectiva de xénero é ocultar o papel que a arte ten como xustificadora de roles e constructora de conciencias.


A MULLER NA LITERATURA

5/3/08

10 MULLERES DE CINE NO SÉCULO XXI

O cabo dalgúns anos quen queira ter unha idea de como era a sociedade do 2008 e que papel tiña a muller nela terá que votar mán do cine.


Hoxe, anticípándonos aos acontecementos, propoñemos: dez miradas ao mundo fiminino a través de dez historias que nos mostran diferentes etapas das súas vidas.

Empezaremos por ver a aquelas que se incorporan o mundo, pero pola vía da adopción e vindo de lonxe en La pequeña Lola.

Votaremos unha ollada a aquelas nenas que difrutan unha infancia chea de comodidades e o mesmo tempo chea de histerismo, falamos de Pequeña Miss Sunshine.

Moitas mulleres procedentes de outras culturas, por adopción ou emigración, deben loitar na súa xuventude por compatibilizar as súas tradicións co seu contorno e iso e o que fan en Quiero ser como Beckham.

E seguindo co inevitable e marabillosa mestizaxe que nos invade, asistiremos a ruptura de tópicos que nos amosan en Las mujeres de verdad tienen curvas.

Pasada a xuventude: toca a vivir, e se non se dan as cousas como se soñaron e preciso poñerse á tarefa e tratar de cambialo todo e iso é o que fai Amelie.

Outras ven truncados os seus anhelos antes de poder cambialos, pero tratan de deixarnos un mundo mellor , como a protagonista de Mi vida sin mí.

En cualquera caso , a consigna e vivir dignamente e iso é o que tratan de facer as mulleres de Mataharis.

Claro que hai cousas que non cambian e os violentos inimigos da convivencia e a igualdade fan das súas en
Te doy mis ojos.


Pero como dicía unha consigna: podedes arrincar as flores, pero non impediredes a chegada da primavera. Vemos isto no mundo que se inventa a granxeira de La suerte de Emma.

E acabamos cunha dura visión da idade madura en Diario de un escándalo. Que se ben non nos mostra un gran exemplo de vida si nos invita a una profunda e última reflexión.

Buscade estas películas nas bibliotecas, nas tendas ou mesmo nas carteleiras e gardádeas na memoria. Veredes como nuns poucos anos convírtense en documentos de vida deste 2008.

Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da IGUALDADE.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.

4/3/08

MARUJA MALLO: a gran transgresora do 27

Poucos saben que a soberbia triloxía formada por Lorca, Buñuel e Dalí, de sobra coñecida por todos, foi en realidade un cuarteto. Quen era esa cuarta figura, estrañamente silenciada pola historia? Por que foi relegado ao esquecemento o seu nome? Maruja Mallo foi, sen lugar a dúbidas, unha pintora xenial, á que unha suma de adversidades históricas e prexuízos sociais negaron de xeito insólito o recoñecemento que merece.
A súa peripecia vital é a de quen irrompeu na escena artística madrileña dos anos vinte decidida a romper os estereotipos e os moldes que encorsetaban tanto a arte coma as mulleres, condenadas a desempeñar o papel exclusivo de fieis esposas e lánguidas amas de casa. Os seus extravagantes atuendos, o seu desenfado, as súas correrías noturnas da man de Dalí e dos seus compañeiros da Residencia de Estudantes por un Madrid sacudido polo impacto do cine, do jazz e das ideas máis radicais, así coma o seu xogo deliberado coa ambigüidade sexual, converteron a esta moza galega, miúda e fráxil, nun emblema temperán da liberación feminina. Pero pagou a súa ousadía. En 1937 viuse obrigada a exiliarse a Arxentina, de onde voltou vinte anos despois, só para comprobar que os escándalos asociados ao seu nome remataran desdebuxando a súa verdadeira fisonomía e por eclipsar a portentosa valía da súa obra.
Nada en Viveiro no ano 1902, a profesión do seu pai -funcionario de aduanas- levouna a residir en distintas provincias españolas até a definitiva instalación da familia en Madrid en 1922. Ingresa na Academia de Belas Artes e empeza a relacionarse coa nova xuventude de poetas e artistas que irrompen na escena española. Coñece a Salvador Dalí e á poetisa Concha Méndez, que a introducen no círculo da Residencia de Estudantes, onde estreita lazos de amizade e camaradaría con Lorca, Buñuel e con Rafael Alberti, co que mantén unha relación amorosa importante e longo tempo silenciada tanto na súa biografía como na do poeta. Concha Méndez e Maruja pasearon por Madrid como mulleres modernas e emancipadas, manexando bicicletas, facendo deporte, asistindo aos cafés, a eventos literarios ou a verbenas populares. Nestes anos, Maruja crea a súa propia linguaxe artística, atenta aos ecos das distintas vangardas que empezan a chegar a España -futurismo, surrealismo, cine- e cos ollos abertos á arte popular. Mestura todo coa súa particular interpretación.

En 1928 Ortega y Gasset bríndalle os salóns da Revista de Occidente para realizar a súa primeira exposición. O debut estivo arroupado por comentarios e recensións de prensa, referendado por intelectuais e pola alta sociedade madrileña fascinada por aquelas combinacións de elementos festivos e burlescos, pola alegría da cor, as distorsionadas composicións das súas verbenas e polas atléticas mulleres que protagonizan as súas estampas deportivas.

A finais de 1928 pasa por unha inflexión e un acercamento particular cara ao surrealismo froito dos seus avatares persoais e da relación que establece con Alberto Sánchez e Benjamín Palencia. Baixo o nome da Escuela de Vallecas percorrerán as paisaxes desapracibles e duras que rodean Madrid, as zonas finais do urbano e o inicio do contorno rural. Até 1931 explora este tipo de paisaxes que darán lugar á serie "Cloacas e campanarios".
No 1931 viaxa a París onde expón a súa obra. Numerosos intelectuais e artistas como Picasso e André Bretón visitan e acollen con entusiasmo a mostra. O seu regreso a Madrid, a finais de 1932, supón un novo xiro no seu estilo. As súas novas series "Arquitecturas minerais", inspiradas en pedra, e "Arquitecturas vexetais", poboadas por estrañas froitas, son teas que aínda que manteñen a sobriedade cromática someten agora as súas formas a esquemas xeométricos. Durante esta época combina o seu traballo artístico cunha intensa actividade de compromiso coa República.
Previo ao estalido da Guerra Civil, no 1936, realiza una obra clave para o período artístico que desenvolverá ao outro lado do Atlántico: "La sorpresa del trigo". Este cadro mural, primeiro da serie "La religión del trabajo", presidirá a súa derradeira exposición en España, promovida polo grupo ADLAN. A Guerra Civil sorpréndea en Galicia, onde permanece até 1937, marchando a Bos Aires onde é recibida como unha artista de renome. Dará numerosas entrevistas e conferencias, escribe artigos e realiza a súa obra pictórica "Arquitectura humana". Seguirá traballando en lenzos que compoñen un amplo ciclo dedicado a dous temas principais: o mar e a terra. Realiza varias series: "Retratos bidimensionais" sobre rostros femininos de fronte e perfil, imaxes planas e prototípicas; "Bailarinas"; "Máscaras"; esquemáticos debuxos reunidos en "Arquitecturas" e, finalmente, "Naturezas vivas", variacións sobre estraños seres zoomórficos inspirados na xeoloxía e na fauna sudamericana. Estas últimas son unha serie de gravados, debuxo e óleo que se alongan até o ano 1960, cando decide voltar a España.

A súa obra é cada vez máis valorada por galeristas e críticos, especialmente a crítica española máis nova, que ve nela a encarnación dunha vangarda ocultada polo franquismo. Tras a morte de Franco chégalle o recoñecemento total; a súa culminación podería establecerse na Medalla de Ouro de Belas Artes, no ano 1982, e na exposición antolóxica que en 1993 lle dedica o Centro Galego de Arte Contemporánea. Para entón Maruja está xa moi enferma. Morre o 6 de febreiro de 1995 na residencia de anciáns Menéndez Pidal de Madrid.


Para saber máis:
Biografía en Cutlura galega feita pola catedrática de historia da arte contemporánea Mª Luisa Sobrino
Biografía en Wikipedia
En Ciudad de Mujeres
Entrevisa a J.L. Ferris autor da última monografía editada sobre M. Mallo

Bibliografía
GÓMEZ DE LA SERNA, R., Maruja Mallo, Buenos Aires, Losada, 1942.
MARUJA Mallo, Madrid, Galeria Guillermo de Osma, 1992
VIDAL, C., Maruxa Mallo. Vigo, A nosa terra, 1999
MARUJA Mallo, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, 2003.
FERRIS, J.L., Maruja Mallo. La gran transgresora del 27, Madrid,Temas de hoy, 2004, (Biografías).

Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da Igualdade.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.

DÍA DA MULLER TRABALLADORA, ZAS 2008

O concello de Zas convoca o primeiro concurso de relatos en conmemoración do día da muller traballadora. Poderán participar os alumnos e alumnas de ESO e Bacharelato dos Centros Educativos do concello.

Os relatos, de carácter individual, estarán escritos en lingua galega cunha extensión máxima de dous folios e o seu contido versará sobre a muller e o traballo no ámbito público e privado.

O prazo de pesentación remata o 10 de marzo e haberá tres premios por un importe total de 220 euros, canxeables por material escolar.


Para máis información sobre o Concello de Zas, pulsa aquí.